luns, 2 de novembro de 2026

SAMAÍN

Benvidos a Samaín. 

Este ano, no noso centro embarcámonos nunha volta ao mundo moi particular onde os misterios non entenden de fronteiras. Viaxamos no tempo a través do podcast feito polas alumnas de Latín de 1º de Bacharelato sobre os defuntos na antiga Roma


Espertamos as criaturas máis arrepiantes de todos os continentes nunha terrorífica exposición (incluíndo a cara máis monstuosa dalgúns profes...) e descubrimos macabros talentos no Concurso de Decoración. 
Grazas por viaxar connosco

domingo, 21 de xuño de 2026

O UNIVERSO COMO DESTINO

 Traballo do alumnado de Proxecto Competencial de 4º da ESO que pon o broche de ouro ao Proxecto de Centro deste ano (O Universo). Logo de explorar o cosmos desde diferentes perspectivas ao longo do ano rematamos cun traballo que demostra que a astronomía e a arte van da man.


-As sondas Voyager: deseño e construcción dunha réplica da famosa sonda espacial. O alumnado tamén converteuse en embaixadores da Terra ao deseñar novas mensaxes para unha futura Voyager III: que música, imaxes e saúdos enviaríamos hoxe ao espazo profundo? 
- Universo e Arte: o universo como inspiración artística (desde a orientación astronómica das construccións megalíticas, ata as constelacións e a mística cósmica de Van Gogh ou Dali, ou a Harmonía das Esferas proposta por Pitágoras)
- Proxecto "Sofá-Lúa": deseño e construcción dun sofá en forma de LÚA. Deseño, voliume e confort astronómicos feitos realidade
GRAZAS BEA EDREIRA POR FACELO POSIBLE

FULLONICA ROMANA

 Este proxecto levou ao alumnado de Latín e Proxecto Competencial de 4º da ESO a viaxar no tempo para converterse en arquitectos da Antiga Roma. A través da investigación e a construcción a escala dunha fullonica (lavandaría romana), os estudantes achegáronse á vida cotiá das clases populares romanas e reconstruíron os espazos arquitectónicos empregando materiais reciclados. Este traballo foi posible grazas á dirección e colaboración de Bea Edreira.


mércores, 29 de abril de 2026

VALS Nº 2 SHOSTAKOVICH

 O IES de Mugardos súmase á homenaxe mundial polo 50 aniversario da morte de Dmitri Shostakovich. Cun dos seus temas máis recoñecidos, o Vals nº 2, celebramos o legado dun xenio cunha interpretación colectiva e sorpresa. Grazas a Diana, Mariña, Micaela, Rebeca, Antonio e Diego por facelo posible.


venres, 24 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO 2026

 Celebración do Día do Libro no IES de Mugardos (colaboración da Biblioteca, o Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua).

Este ano a maxia das palabras fusionouse coa inmensidade do cosmos nunha xornada moi especial: Punto de Intercambio de libros: porque os libros teñen mil vidas habilitamos un espazo para que alumnado e profesorado puidesen darlles unha nova viaxe ás súas lecturas favoritas

Cosmogonías literarias: seguindo o fío condutor do noso proxecto de centro, "O Universo", o alumnado de Proxecto de 4º ESO mergullounos nas diferentes visións sobre a orixe do mundo a través de traballos moi creativos

Clásicos con nova cara: as alumnas de Latín de 4º ESO sorprenderon creando portadas de libros actuais e clásicos traducidas ao latín, demostrando que as linguas clásicas están máis vivas que nunca

mércores, 1 de abril de 2026

PODCAST

San Valentín no instituto. Xa pasou San Valentín e, con el, as rosas de plástico e os dramas de corredor. Un episodio, nas voces de Ana e Ainhoa, para escépticos e románticos de manual.


O son do universo. A que sona o baleiro? Da man de Unai e Aarón afastámonos do ruido diario para explorar as frecuencias e as ondas de radio que viaxan polo universo

sábado, 28 de marzo de 2026

CONCURSO "DALLE RITMO A ROSALÍA"

A poesía de Rosalía de Castro non entende de tempos nin de formatos, e os nosos alumnos e alumnas encargáronse de demostralo neste concurso. O resultado? Espectacular. Tras unha dificil deliberación o xurado destacou os traballos de: 

1º Premio: Ander e Gabriel (2º ESO)

2º Premio ex aequo Lorea e Noa (3ª ESO), Marcos, Alba e Melissa (2º ESO). 

Podedes ver os seus traballos neste vídeo

domingo, 15 de marzo de 2026

8 DE MARZO

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, recordamos con Begoña Caamaño que a historia non é un relato pechado, senón unha tea que podemos volver tecer. A través de obras como "Circe ou o pracer do azul"  e "Morgana en Esmelle", Caamaño non só rescatou personaxes femininos silenciados pola mitoloxía clásica e a materia de Bretaña; devolveulles a súa soberanía, os seus desexos e, sobre todo, a súa capacidade de decidir.









luns, 23 de febreiro de 2026